Saturday 18 de May de 2024

Rey valora a implicación da cidade na segunda Marcha Mundial pola Paz e Nonviolencia que sae hoxe de Madrid


 

O centro Ágora acollerá o programa de actividades que se realizarán na Coruña tras aprobarse nun pleno en abril a súa adhesión á iniciativa

A alcaldesa Inés Rey presentou esta mañá a segunda Marcha Mundial pola Paz e Nonviolencia, que sairá hoxe en Madrid dirección África para seguir por América, Asia, Oceanía e rematará en Europa o 8 de marzo de 2020, despois de circunvalar todo o planeta e pasar por máis de 100 países nun percorrido de 159 días. O acto contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a voceira da Marcha na Coruña, Marisa Rodríguez, encargada de representar ás reivindicacións de todos os colectivos, entidades e persoas implicadas na cidade na loita pola paz.

A Coruña non se quedará atrás nesta conmemoración e como explicou a rexedora sumarase a unha convocatoria na que están implícitos máis de 3.000 colexios no mundo, 135 en España, e un millón de pequenas e pequenas que xa traballaron na confección de símbolos. Esta iniciativa, que ten como antecedente unha primeira edición que mobilizou en 2009-2010 a dúas mil organizacións, quere denunciar en foros e en concentracións locais -como a cadea humana que se ten previsto realizar- a perigosa situación mundial coa existencia de conflitos crecentes e o aumento do gasto en armamentos.

A idea é compartir tamén as accións positivas que se están a facer a prol da aplicación dos dereitos humanos e a non discriminación, cun protagonismo especial das novas xeracións, que queren promover a cultura da non violencia e a conciencia

ecolóxica. A través de equipos promotores, a organización, tal e o como explicou a voceira da Marcha na Coruña, implicará a colectivos e particulares nas reivindicacións que, nesta edición, se centran na prohibición de armas nucleares, a refundación das Nacións Unidas, a creación de condicións para un planeta sostible e a non discriminación.

A Coruña leva ata a data sendo escenario de diferentes eventos coa presentación de libros e documentais ou a instalación de mesas informativas sobre o evento, despois de que no pasado 1 de abril se aprobara no pleno a súa participación nesta nova edición.

O reitor da Universidade reafirmou a vontade da Universidade “de traballar a prol da paz e da eliminación das desigualdades e calquera signo de violencia alí onde se produzan”. Abalde sinalou que “a Universidade debe ser capaz non só de formar bos estudantes, senón bos cidadáns, debemos ser capaces de formar en valores e principios de solidariedade, igualdade e xustiza social”. A Universidade, dixo, estará sempre ao lado das organizacións sociais que con acción como esta Marcha tratan de sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de loitar contra a violencia e a desigualdade social: “Tedes un aliado na participación de todas as actividades”, lembrou o reitor.